Galiza é unha auténtica nacionalidade. Tén un idioma proprio, fillo do latín, irmán do castelán e pai do portugués cultivado literariamente cando a língoa de Castela andaba a gatas; tén un territorio delimitado naturalmente, de formas doces y entranas duras, que foi unha illa de pedra cando Hespaña xacía no fondo dos mares formativos; tén problemeas peculiares, de tan rara orixinalidade que sempre ficaron ao marxe das leis liberais de Hespaña e das arrepiantes preocupacións do mundo capitalista; tén unha cultura autóctona, manifestada en arte e sabiduría popular, tan insulares como foi a nosa Terra en tempos xeolóxicos, tén predisposicións psicolóxicas que nos fixeron inasimilables â cultura e dereito de Castela, coma os bretóns na Franza e os escoceses na Inglaterra; tén, se quixéramos -que non queremos-, caraiterísticas diferenciaes de raza, pois somos predomiñantemente celtas. Galiza, pois, é unha nacionalidade hispana, tan respetable como Castela e todol-os seus atributos son igualmente diños de respeto.
Non sendo posible negar a perduración dos atributos nacionaes de Galiza -xa ensaminados, un a un, no libro I- é doado estimar a súa soberanía natural, y esta xerarquía anterior e superior âs formas políticas, non pode satisfacerse con atribucións precarias e restrinxidas, concedidas por gracia do Estado unitario, é decir, pol-a ineisistente Nación hespañola, representada nas Cortes de Madrid; porque Castela, e as súas rexións satélites, son maoría no conxunto hespañol, e co seu peso manteñen o caráiter subordinado dos demáis "seres" nacionaes, producindo unha antinomía antre a democracia e o liberalismo (o problema das nacións é liberal). Non; a gracia do Estado sóio enche as necesidades d-unha simple rexión, particularizada en algúns atributos da nacionalidade a que perteñece. Así pois, o sistema de Estatuos autonómicos é inadecoado e até ofensivo para os cataláns, galegos e vascos. Galiza, como Cataluña y Euzcadi, é unha nación e, por consiguente, ten dereito a federarse con outros povos igoaes a ela; e non reconecerlle o dereito de autodetermiñación -inclusive para vivir con absoluta independencia- será sempre un acto tiránico e antiliberal. Agora ben; nós queremos ceder da nosa natural soberanía todo canto cedan as demáis nacionalidades hespañolas, a fin de constituirmos un Estado rexido pol-a máis pura democracia (democracia fundada na liberdade) onde sexa imposible o privilexio e a servidume.
Alfonso R. Castelao (páx 322-323 de SEMPRE EN GALIZA)